Thursday 28 de March de 2024

O BNG pide explicacións pola tramitación urbanística dun centro educativo privado en Sésamo


Unha empresa privada pretende construír un centro educativo privado en zona de policía de río na Ribeira en Sésamo (Culleredo).

Durante a exposición pública do Plan especial de dotacións requirida para a autorización desta construción diferentes veciñas, veciños e colectivos presentaron alegacións a este procedemento. Todas as alegacións foron “denegadas polo goberno municipal sen o debido estudio da súa argumentación.
O BNG de Culleredo ven de reclamar que o expediente completo se someta a estudio na vindeira Comisión de Urbanismo.

O BNG de Culleredo ven de reclamar o estudio completo das alegacións presentadas pola veciñanza do noso concello, a nivel individual e a través de diferentes colectivos, e que foron “denegadas” polo goberno municipal. O uso do verbo “denegar” na súa resolución, en lugar dos verbos “estimar” ou “desestimar” segundo corresponda, reflicte a falta de estudio e as súas argumentacións por parte do goberno municipal. O uso do verbo “denegar” nega directamente o dereito a presentalas, inexplicablemente.

Como en calquera outro procedemento aberto á presentación de alegacións por parte da veciñanza, as mesmas requiren de estudo en profundidade das súas argumentacións, dado que son a oportunidade da cidadanía para expresar a súa opinión sobre o mesmo, e a oportunidade do goberno para solventar calquera erro que se poida ter cometido. Por respecto á veciñanza e pola súa vontade de transparencia, o BNG de Culleredo presentou solicitude para que se poña a disposición da Comisión de Urbanismo o expediente completo para poder someter a estudio todas as cuestións expostas nas alegacións presentadas.

Ademais, o BNG de Culleredo denuncia a deturpación dos nomes de varios alegantes que ven castelanizado o seu nome, constituindo unha falta gravísima de respecto, no que semella un acto de desprezo intencionado para quen exerce o lecítimo dereito de presentar alegacións.

O voceiro de BNG de Culleredo, Tono Chouciño, lembra ao Alcalde a súa “esquecida vontade de transparencia, anunciada na súa primeira entrevista como Alcalde. Naquel momento anunciaba un cambio de rumbo no goberno municipal a este respecto pero actos como este demostran que a falta de transparencia estase a transformar nunha negación dos dereitos da cidadanía”.